Resultado de varios anos de investigación, Pontevedra nos anos do medo céntrase na represión levada a cabo na comarca de Pontevedra tras o golpe militar de xullo de 1936.
O enfoque divulgativo desta obra combínase cun tratamento sistemático e global do tema, que se estrutura en tres grandes apartados: a situación político-social previa á sublevación, a trama conspiratoria coa execución do golpe, e os axentes e mecanismos da represión posterior.
O emprego de fontes documentais inéditas, así como de testemuños orais, contribúe a proporcionar un tratamento novidoso no estudo do fenómeno represivo, concedendo especial atención ao achegamento ás historias da vida das vítimas.
O autor da obra, Xosé Álvarez Castro, salienta a necesidade de divulgar, de contar o que aconteceu, porque a investigación perde o seu sentido cando non se perfecciona coa divulgación, e como dixo a escritora Dulce Chacón, «somos vítimas do silencio dos nosos pais e responsables da ignorancia dos nosos fillos».